Friday 17 de May de 2024

Preto de 150 persoas conmemoran en Brión o Día do Teatro co espectáculo “O Xigante”, da compañía Elefante Elegante


O acto contou co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a tenente de alcalde de Brión, Yolanda Bouzas

Preto de 150 persoas, entre adultos e nenos e nenas de entre os 3 e os 8 anos de idade, participaron esta tarde nunha actividade gratuíta organizada polo Concello de Brión para conmemorar o Día Internacional do Teatro, que se celebra hoxe 27 de marzo. Os pequenos asistiron á representación de “O Xigante”, un espectáculo da compañía Elefante Elegante baseado nun conto de Óscar Wilde e interpretado por Gonzalo Guerreiro, que mestura narración oral con teatro xestual e música.

O acto contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a tenente de alcalde de Brión, Yolanda Bouzas. Lorenzo amosou a súa satisfacción “por ver tanta participación nunha actividade do programa Ler conta moito, promovido pola Xunta de Galicia en colaboración cos concellos” e lembrou que “é por participacións coma esta polo que se fan este tipo de actividades”.

De feito, a afluencia de público foi tal que o Concello de Brión viuse obrigado a cambiar o lugar da actuación, que tivo que cruzar a Carballeira de Santa Minia e pasou da sala infantil da Biblioteca Municipal á Sala Municipal de Exposicións da Casa da Cultura, de maior aforo. Esta actividade forma parte do programa Ler conta moito, promovido pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Brión.